Pasado e presente, espiritual e profano, coñecido e descoñecido, meditación e comprensión conviven inexorablemente en Compostela. Meta de peregrinaxe durante séculos, Santiago tense perfilado coma unha cidade chamada a xogar un papel integrador no diálogo con outras culturas silenciadas no pasado pola Occidental.
Entre os muros do seu misterioso patrimonio, diferentes maneiras de vivir a espiritualidade comparten espazo. Visións e formas de buscar a felicidade aparentemente lonxanas e asombrosamente próximas máis alá de particularidades culturais e circunstanciais.
Dende a perspectiva actual, volvemos a mirada ao Prestige, unha catástrofe de dimensións só comparables á grandiosidade da resposta cidadán. A reacción da sociedade galega, que decide protagonizar a súa propia historia, e o impresionante movemento de voluntarios. Unha das maiores e máis dignas movilizacións comunitarias do chamado Primeiro Mundo.
Pero, ¿queda algo do espíritu daquela resposta? ¿Que foi dos seus protagonistas? Cando xa a ninguén parece importarlle o barco afundido no fondo do Océano, persoas cuxas vidas se viron marcadas volven falar coa serenidade e a aprendizaxe que lles outorga o paso do tempo.
Nun barrio de extrema violencia de Latinoamérica, Sara creou un centro para nenos da rúa. Alí xogan ao fútbol e aprenden a dar forma a un documental en vídeo que recolle a súa propia visión do mundo alonxándoos dos seus problemas da rúa. En Galicia, un equipo de voluntarios axudan a nenos marxinados, fóra do sistema educativo oficial, e ensínanlles a realizar documentais, proporcionándolles unha ferramenta de vida, de análise e de integración social.
Ambas experiencias entrecrúzanse promovendo o traballo colectivo e o diálogo intercultural ao reunir a comunidades de diferentes países ao redor dun tema común.
© 2009 MaraProducións
Rúa Melide 9, 3ºB 15705 Tlf/fax: 981 57 05 76. Santiago de Compostela A Coruña Galicia Spain info@maraproducciones.es